Volver ao contido

Decreto 276/2002, de 6 de setembro, polo que se establecen as tarifas dos centros de menores de titularidade propia. (DOG nº 185 de 25 de septiembre de 2002)

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 44.4º, establece que a facenda da Comunidade Autónoma está constituída, entre outros rendementos, polos procedentes de prestacións de servizos directos pola Comunidade Autónoma, sexan de propia creación ou como consecuencia de traspasos de servizos estatais. Pola súa banda, a Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, no seu artigo 4 pronúnciase no mesmo sentido.

O Decreto 250/2002, do 18 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúelle á Dirección Xeral de Familia no seu artigo 5.1º, competencias sobre a xestión da política autonómica en materia de acción social nos sectores de familia, infancia e menores así como a protección e tutela dos menores en situación de risco ou desamparo e a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores nos termos establecidos na lexislación específica. Para a execución destas competencias esta consellería dispón dunha serie de centros residenciais de titularidade propia distribuídos nas catro provincias; cinco destes centros son cualificados como centros de reeducación con distintos réximes de internamento (aberto, semiaberto, pechado).

O Decreto 129/2000, do 19 de maio, polo que establecen as tarifas dos centros de menores de titularidade propia por solicitude doutras comunidades autónomas ou no caso de garda de menores con especiais dificultades de conduta, daba resposta a unha necesidade que a Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude viña manifestando de comparti-lo custo das prazas dos menores ingresados nos seus centros cando estes proceden doutras comunidades autónomas, ou cando os pais ou titores, por circunstancias graves, non poidan coida-lo menor e solicitan que a Xunta de Galicia asuma a súa garda durante o tempo necesario. Este decreto regulaba as contías que hai que pagar nestes supostos, que agora é preciso actualizar e establecer para adaptalos á alza de prezos que desde entón se produciu, así como á entrada da nova moeda, o euro. Así mesmo, a comunidade autónoma dispón de prazas de atención de día, que son un recurso alternativo para evita-lo internamento de menores en centros residenciais e nos que se proporciona ó menor con especiais dificultades de conduta o apoio socioeducativo e familiar necesario para favorece-lo seu proceso de normalización. Estas prazas de atención de día tamén supoñen un custo para a administración, polo que se fai necesaria a regulación das tarefas aplicables a elas.

A Lei 5/2000, reguladora da responsabilidade penal dos menores, regula entre as medidas susceptibles de ser impostas ós menores o internamento terapéutico, o que obrigou á Comunidade Autónoma de Galicia, competente para a execución das ditas medidas, a poñer en funcionamento un centro destas características onde se leva a cabo unha atención educativa especializada ou tratamento específico dirixido a persoas que padezan anomalías ou alteracións psíquicas, ou na percepción que determinen unha grave alteración da conciencia da realidade. Por este motivo cómpre regula-la tarifa aplicable ós centros de atención específica.

Así mesmo, durante o período de vixencia do Decreto 129/2000, do 19 de maio, que ata agora regulaba a presente materia, púxose de manifesto a necesidade de establecer novos tramos para completa-las contías que se pagarán pola unidade familiar en función das rendas ata o límite máximo que se regulaba na letra b) do anexo I, e auméntase a contía mínima a partir da que existe obriga de pagamento á establecida como salario mínimo interprofesional.

Por último, para determina-la renda per cápita anual do núcleo familiar tómase como referencia non só ingresos percibidos polos pais ou titores, senón tódolos percibidos pola unidade familiar, para ter en conta as achegas doutros membros que convivan dentro da mesma familia. Para tal fin, prevese de xeito explícito a facultade da Administración de solicitar dos interesados toda aquela documentación que estime necesaria para a comprobación daqueles datos.

A Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, regula tanto o concepto como a forma de fixación dos prezos e establece no seu artigo 9.3º que «En calquera caso, e baseándose na súa consideración de servizos públicos fundamentais, as contraprestacións en concepto de prezos percibidas por sanidade, educación e servizos sociais terán o carácter de públicas para os efectos desta lei». Neste sentido, o artigo 5.3º da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, establece como unha das áreas de actuación do sistema de servizos sociais a de familia, infancia e mocidade; ademais, no artigo 12 desta mesma lei considéranse servizos sociais de atención especializada na área de familia, infancia e mocidade, entre outros, a atención dos menores en situación de desvantaxe ou inadaptación social e considéranse equipamentos propios destes servizos as residencias de menores.

Por outra banda, o artigo 12 da Lei 13/1991 dispón que os prezos públicos serán fixados por decreto, por proposta da consellería de que dependa o centro, á que se xuntará unha memoria económica e sobre ela deberá emitir informe favorable a Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude, o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e logo do informe da Consellería de Economía e Facenda, na súa reunión do día seis de setembro de dous mil dous,

DISPÓN:

Artigo 1º

Apróbanse as tarifas dos centros de menores de titularidade propia que figuran nos anexos I e II deste decreto.

Artigo 2º

As comunidades autónomas que soliciten o ingreso dun menor nalgún dos centros propios da Comunidade Autónoma de Galicia estarán obrigadas a aboa-las cantidades reflectidas no anexo I.

Artigo 3º

  1. Cando a Administración estime a solicitude dos pais ou titores de asumi-la garda acordando o ingreso dun menor con especiais dificultades de conducta nun centro residencial aplicará ós solicitantes as tarifas contidas no anexo II, logo do estudio das circunstancias especiais do caso e da situación socioeconómica dos pais ou titores.
  2. Se a medida aplicable en interese do menor implica a ocupación dunha praza de atención de día, aplicaranse as tarifas previstas no anexo II, que regula as tarifas en función do tipo de renda e do tipo de atención: básica, integral ou centro de atención específica.

Artigo 4º

  1. O pagamento das tarifas previstas neste decreto realizarase mensualmente nos dez primeiros días do mes seguinte ó que corresponda.
  2. En caso de incumprimento da obriga de pagamento polos pais ou titores no prazo ó que se refire o número anterior, poderase esixir mediante o procedemento administrativo de constrinximento, de acordo co disposto na Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 172/1992, do 26 de xuño, de normas para xestión, liquidación e recadación de taxas e prezos públicos aplicándose, se é o caso, o previsto no respectivo réxime económico-matrimonial e no seu defecto a obriga esixirase a cada un dos pais proporcionalmente ós seus medios e ingresos.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 129/2000, do 19 de maio, polo que establecen as tarifas dos centros de menores de titularidade propia para os internamentos producidos por solicitude doutras comunidades autónomas ou no caso de garda de menores con especiais dificultades de conduta, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-

Facúltase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do establecido neste decreto.

Segunda.-

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Prezos das estadías de nenos/as, nos centros de menores de titularidade propia ingresados a solicitude doutras comunidades autónomas:

  1. Centros residenciais: centros de reeducación:
    1. Réxime pechado: 250 euros/menor/día.
    2. Réxime aberto/semiaberto: 187 euros/menor/día.
  2. Outros centros residenciais: 41,42 euros/menor/día.
  3. Centros de atención específica: 267 euros/menor/día.

ANEXO II

  1. Nos supostos nos que a Xunta de Galicia asuma a garda dun menor con especiais dificultades de conduta ou autorice a ocupación dunha praza de atención de día a pedimento dos seus pais ou titores, aplicaranse as seguintes contías en función da renda per cápita anual do núcleo familiar:
    1. Menos de 5.306,40 euros: a pagar: 0 euros.
    2. De 5.306,41 euros a 7.959,56 euros: a pagar:
      • Outros centros residenciais: 4,14 euros/día.
      • Praza de atención de día básico: 1,56 euros/día.
      • Praza de atención de día integral: 2,64 euros/día.
      • Praza de atención de día en centro terapéutico: 4,21 euros/día.
    3. De 7.959,57 euros a 10.612,80 euros: a pagar:
      • Outros centros residenciais: 8,28 euros/día.
      • Praza de atención de día básico: 3,13 euros/día.
      • Praza de atención de día integral: 5,29 euros/día.
      • Praza de atención de día en centro terapéutico: 8,41 euros/día.
    4. De 10.612,81 euros a 13.266,02 euros: a pagar:
      • Outros centros residenciais: 12,43 euros/día.
      • Praza de atención de día básico: 4,69 euros/día.
      • Praza de atención de día integral: 7,93 euros/día.
      • Praza de atención de día en centro terapéutico: 12,62 euros/día.
    5. De 13.266,03 euros a 15.912,21 euros: a pagar:
      • Outros centros residenciais: 20,71 euros/día.
      • Praza de atención de día básico: 7,81 euros/día.
      • Praza de atención de día integral: 13,22 euros/día.
      • Praza de atención de día en centro terapéutico: 21,04 euros/día.
    6. De 15.912,22 euros a 18.572,41 euros: a pagar:
      • Outros centros residenciais: 31,07 euros/día.
      • Praza de atención de día básico: 11,72 euros/día.
      • Praza de atención de día integral: 19,83 euros/día.
      • Praza de atención de día en centro terapéutico: 31,55 euros/día.
    7. Os que superen a cantidade de 18.572,42 euros anuais: a pagar:
      • Outros centros residenciais: 41,42 euros/día.
      • Praza de atención de día básico: 15,63 euros/día.
      • Praza de atención de día integral: 26,44 euros/día.
      • Praza de atención de día en centro terapéutico: 42,07 euros/día.
  2. Para os efectos de determina-la renda per cápita anual do núcleo familiar entenderase por ingresos anuais os que figuren, imputables a tódolos membros da unidade familiar, como base liquidable na declaración do imposto da renda das persoas físicas do ano anterior.
  3. Esta consellería poderá solicitar dos interesados ou doutras administracións a documentación que xulge necesaria para comprobar e coñece-la situación económica dos membros e a composición do núcleo familiar.

Data publicación

25/10/2008

Tipo de disposición

Decreto

Tipo de Contido

Regulamento

Estado

Vixente

Orixe

Autonómica