Pagamento OV Tributaria. Bizum
A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) estableceu unha nova canle de pago a través da plataforma Bizum, aberto tanto aos particulares como a empresas, que permite pagar calquera imposto, taxa ou ingresos xestionados por este organismo desde a Oficina Virtual Tributaria (OVT) da Atriga.
Desta maneira, a Xunta de Galicia, amplía as canles de pago que xa ten dispoñibles co obxectivo de facilitar o cumprimento das obrigacións tributarias á cidadanía, evitando desprazamentos e aforrando tempo nos trámites.
Na OV Tributaria poderase pagar por Bizum as débedas tributarias e os ingresos de dereito público seguintes:
- Sen certificado/Con certificado (Consulta e pago de débedas - Pago telemático de multas e sancións – Pago de taxas e prezos)
- 706. Liquidacións telemáticas ou con NRC.
- 707. Liquidacións notificadas pola Administración.
- 708. Pagos aprazados ou fraccionados.
- 710. Providencias de constrinximento cuxa recadación é competencia da Delegación.
- 717. Autoliquidacións telemáticas ou con NRC.
- 731. Taxas e prezos e sancións.
- 739. Taxas e prezos e sanciones vía telemática.
- 990. Providencia de constrinximento.
- 991. Ingresos en zona.
- Autoliquidación presentada con certificado:
- Modelo 593. Imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos.
- Modelo 600. Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.
- Modelo 620. Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Transmisión de determinados medios de transporte usados.
- Modelo 650. Imposto sobre sucesións e doazóns. Autoliquidación-sucesións.
- Modelo 651. Imposto sobre sucesións e doazóns. Autoliquidación-doazóns.
- Ao realizar o pago dunha liquidación, débeda, taxa, prezo ou sanción na OV Tributaria, introducidos os datos da carta de pago (706, 707, 708, 710, 717, 731 ou 739) ou o número de providencia de constrinximento (990, 991), hai que seleccionar a opción de pago con Tarxeta/Bizum.
Cando se trate dunha autoliquidación realizada con certificado dixital, seleccionado o tipo de pago telemático, deberá optar polo modo de pago Tarxeta/Bizum. - Na pasarela de pago electrónico da entidade bancaria adxudicataria do contrato para a prestación do servizo, seleccionada a Forma de pago-Bizum, solicitarase o número de teléfono á persoa usuaria quen poderá efectuar o pago se está dada de alta nalgunha das entidades financeiras que ofrecen o servizo de Bizum.
- A confirmación do pago por Bizum levará a diferentes pantallas segundo o control de acceso/autenticación (dobre factor) asociado á entidade bancaria do usuario. Algunhas requiren aceptar a transacción mediante a aplicación móbil e outras piden introducir a clave (catro díxitos) que se informou cando se activou o servizo Bizum.
- Ao finalizar o pago, xérase un xustificante que se poderá obter na propia sede electrónica de forma inmediata.
As cantidades que se poden pagar con Bizum veñen determinadas polos seguintes límites:
- 1.500€ por operación
- 2.500€ por persoa usuaria e día
- 9.000€ por persoa usuaria e mes.
Cada persoa usuaria pode ter establecido límites adicionais coa súa entidade bancaria.
Pódese utilizar este método de pago a condición de que a cantidade para pagar sexa igual ou superior a 1 €.