Oficinas de Distrito Hipotecario
As oficinas de distrito hipotecario realizarán as seguintes funcións:
- Recibir as autoliquidacións ou declaracións dos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados que se presenten ante estas xunto coa documentación complementaria que as acompañe, devolvendo ao presentador os xustificantes da presentación da devandita autoliquidación ou declaración, así como dos documentos que a acompañen de acordo coa normativa dos impostos encomendados.
- Informar os contribuíntes das obrigas formais relativas á presentación das autoliquidacións ou declaracións, así como das dúbidas que se deriven da confección do modelo de autoliquidación ou declaración conforme ás instrucións que figuran nos modelos oficiais de autoliquidación ou declaración. Para a información relativa ás obrigas tributarias materiais ou ás formais que non se deriven directamente da presentación das autoliquidacións ou declaracións informarán os contribuíntes das canles de información presencial, telefónica e telemática existentes na Axencia Tributaria de Galicia.
- Entregar no momento da presentación dos impostos os requirimentos para que se achegue a documentación que non acompaña ás autoliquidacións ou declaracións dos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e que de acordo coa normativa dos devanditos impostos é obrigatorio presentar, así como expedir dilixencia da notificación efectuada coa sinatura do comparecente ou, no seu caso, o rexeitamento da notificación.