A Comisión de Control
Presentación
No seo do Consello Reitor constituirase a Comisión de Control que se reunirá, cando menos, unha vez cada catro meses, e estará integrada polos seguintes membros:
- Un representante da Axencia Tributaria de Galicia.
- Un representante da consellería de adscrición da Axencia Tributaria de Galicia.
- Un representante da dirección xeral competente en materia de orzamentos, ao cal corresponde a presidencia da Comisión.
- Un representante da dirección xeral competente en materia de avaliación e reforma administrativa.
A secretaría da Comisión de Control será exercida polo secretario do Consello Reitor, que dará comunicación de todas as propostas e acordos, tanto ao Consello Reitor coma á dirección política das consellerías que forman parte da Comisión.
En ningún caso os membros da Comisión de Control serán coincidentes cos membros do Consello Reitor. Sempre que estea debidamente xustificado, o presidente da Comisión poderá exixir determinados coñecementos como requisito para formar parte da Comisión de Control.
Os membros da Comisión de Control serán designados polo titular da consellería correspondente, de entre o seu persoal técnico, e deberán ser titulares de subdireccións xerais, xefaturas de servizo ou equivalente. O representante da Axencia Tributaria de Galicia será designado pola Dirección.
Os informes da Comisión de Control teñen carácter preceptivo nas materias sinaladas, sen que sexan vinculantes para o Consello Reitor. Ademais de conter un pronunciamento sobre as cuestións formuladas, os informes emitidos pola Comisión de Control poderán conter propostas ou recomendacións para a súa consideración polo Consello Reitor.
Poderán asistir ás sesións da Comisión de Control, con voz pero sen voto, aquelas persoas que sexan convocadas pola persoa titular da Presidencia en calidade de expertos en relación coas materias incluídas na orde do día, para as cales o seu criterio e asesoramento sexan relevantes. A súa presenza será comunicada con antelación aos membros da Comisión de Control, xunto coa convocatoria da sesión.
A pertenza á Comisión de Control non xera dereitos laborais nin económicos.
O funcionamento da Comisión de Control axustarase ao disposto no Regulamento de réxime interno; na Lei reguladora da organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.