Sistema de terminal punto de venda (TPV) físico
14.02.2022
A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) implantou una nova canle de pago a través de terminal punto de venda (TPV) físico nas Delegacións territoriais que permite realizar o pago de autoliquidacións de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, medios de transporte usado e sucesións e doazóns, con cota a ingresar de ata 3.000 euros, mediante tarxeta de crédito ou débito de calquera entidade bancaria, sen que implique ningunha comisión de utilización para o cliente.
Desta maneira, os contribuíntes xa non teñen a obriga de acudir ás nosas delegacións (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo) cos modelos de autoliquidación ingresados, senón que, coa mesma cita que obteñan para realizar a presentación presencial tamén poden efectuar o ingreso.
Esta nova canle de pago ten como obxectivo facilitar o cumprimento das obrigas tributarias da cidadanía, evitando desprazamentos e aforro de tempo nos trámites.
A implantación desta nova canle de pago físico súmase ao TPV virtual que entrou en funcionamento no ano 2021 e universalizou a posibilidade de que calquera cidadán puidese pagar os seus tributos cunha tarxeta de crédito ou débito.
A implantación de novas canles de pago responde a un dos obxectivos clave da Atriga: mellorar e incrementar a proximidade dos servizos que se ofrecen aos contribuíntes, facilitándolles a tramitación en liña e o cumprimento das obrigas fiscais con seguridade, e aforro de tempo e diñeiro.