Nova canle de denuncias tributarias no portal web da Atriga

26.01.2024
Dentro das previsións do Plan Xeral de Control Tributario de 2023, a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) previa a creación no seu portal web dunha canle específica para facilitar a presentación de denuncias tributarias, previstas na normativa tributaria; así engádese unha forma mais ás tradicionais existentes para que poida ser utilizado pola cidadanía que así o desexe.
A través desta canle accédese a un sinxelo formulario onde poñer en coñecemento da Atriga aquelas situacións ou feitos que fagan sospeitar da realización de actos con transcendencia tributaria que poden non ser coñecidos pola administración, e achegar a documentación que se estime oportuna respecto ás persoas e aos feitos denunciados. En ningún caso se esixe a identificación do denunciante; esa información é opcional, podendo presentar a denuncia de xeito anónimo.
Ademais, no apartado da web a través do cal se accede a dita canle, tamén está dispoñible un formulario de denuncia tributaria, que se pode cubrir e imprimir para a súa presentación de xeito presencial en calquera rexistro.
As denuncias que entren por esa canle recibiranse no Departamento de Planificación do Control Tributario, ao igual que o resto que se reciben por outros medios, dependente da Área de Inspección, onde se lle dará o curso que proceda para a investigación dos feitos pola Atriga ou para o seu traslado a outras administracións tributarias que poidan ser competentes (AEAT, locais) e, no seu caso, para a depuración das responsabilidades ás que os mesmos puideran dar lugar.